O sábado 10 , ás 22:00 , concerto de Ataque Escampe no Local de Tarabela . Prezo da entrada 4€.
Inauguraremos tamén unha exposición de fotografía de Carlos Caxide : Serie Going to Roger Rabbit e Serie Cerámica Valadouro .
Ler máis…
Ataque Escampe é un grupo de rock acústico formado no ambiente universitario da cidade de Santiago de Compostela por rapaces de diferentes zonas do país contra o remate do ano 2001. Nese momento os seus seis membros, Samuel, Pablo, Álex, Dani, Miguel e Roi, comezan a ensaiar de xeito irregular na residencia universitaria do Monte da Condesa, ademais de gravar con pésimos medios (por exemplo, cassette) temas de corte folk-rock (o laúde e o violín aparecían ao lado da guitarra eléctrica) que a nivel letrístico unen o experimentalismo con elementos de temática bravú.
A mediados de 2002 o grupo, con Samuel, Álex, Miguel, Roi e Estevo, principia a dar concertos (entre os que destaca o celebrado no Coliseo de Noela de Noia con motivo do 1º concerto expansivo Nunca Máis organizado por Burla Negra, e no que segundo os propios Ataque Escampe recoñecen evidenciaron a escasa rodaxe musical que psuían nesa altura). A banda grava tamén unha maqueta con mini-disc na que xa se vai albiscando o seu estilo actual, ao aparecer por vez primeira un son acústico e suxo, certo eclecticismo e unhas letras irónicas que comezan a afastarse da inmediatez do bravú.
Transcorren logo dous anos de traxectoria discontinua (2004 e 2005 ) debido á dispersión xeográfica dos compoñentes do grupo, que non deixan porén de compoñer temas e gravar algunhas maquetas sen excesivas pretensións.
A actividade regular de concertos é retomada por AE, con Samuel, Álex, Miguel e Roi, en 2006 . Ese ano supón un ponto de inflexión na traxectoria da formación, xa que obtén algo de relevancia ao gañar co tema Afganistán Canto o I Premio de canción de autor Utoía Son, celebrado no Café Uf de Vigo .
O 2007 é un ano cargado de acontecementos para o grupo. Por unha banda, editan o seu primeiro traballo, que nun principio, polos escasos medios e tempo cos que é realizado, non conciben para a publicación, senón coma maqueta para presentar aos locais e conseguir concertos. Trátase de Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos , un disco publicado en formato electrónico e baixo licenza Creative Commons en A Regueifa Plataforma , e no que unha parte dos temas son de estudo e a outra un directo gravado con mini-disc no Café Uf. Nese mesmo ano, ademais de seren seleccionados para a Rede Galega de Música ao Vivo e realizar a Xira Bela Lugosi 2007 , participan no disco-tributo a André Dobarro manifesto Dobarrista , editado conxuntamente pola Regueifa Plataforma , Falcatruada e Lonxa Cultural e que reúne a todo o panorama de grupos novos dos últimos anos. Nese disco versionan a canción do ferrolán Para che falar de amor , que interpretan tamén no programa-homenaxe do devandito músico, “Saudade de ti”, na TVG. A finais de ano prodúcense cambios na formación: Samuel causa baixa temporal e entra como novo membro permanente Marco, que enriquece substancialmente o abano de posibilidades sonoras do grupo. E completando un ano frenético, Ataque Escampe acadan en Outubro o 1º Premio do GZ Crea 2007 na modalidade de música, coas cancións Tango do sintasol e Ana e o caracol .
A principios de 2008 incorpórase á banda un novo membro, Paq, e publícase o primeiro traballo longo de Ataque Escampe no selo A Regueifa Discos , tanto en formato físico como en edición dixital. O seu título, Galicia es una mierda , é decidido nunha enquisa aberta na páxina web da banda. Coa Xira A invención da pólvora 2008 o de novo sexteto presenta o disco por toda Galiza. O grupo grava tamén dous temas soltos: Unha tarde no zoo (para o concurso A polo Ghit da Radio Galega) e Ningún lugar seguro (GalegoZ Remix) , este último canda algúns dos membros de GalegoZ para un CD colectivo de Ediciós do Cumio.
A finais de 2008 edítase Galicia es una fiesta- Ataque Escampe meets Dr.Painkiller , EP no que Marcos Payno remestura cinco dos temas do primeiro LP da banda.
En 2009 entra no grupo Lois, que incorpora os teclados na formación. Amais, Roi cambia o caixón flamenco pola batería electrónica. O resultado, un son máis sofisticado que se fai patente no LP A grande evasión , publicado en maio dese mesmo ano.
ESTILO
O estilo de Ataque Escampe, autodenominado “rock de serie b” pola precariedade de medios na que comezaron e tamén por certo antivirtuosismo, ten coma alicerce o rock acústico e o folc-rock estadounidense, sendo Neil Young , Violent Femmes ou Micah P. Hinson algunhas das súas referencias, xunto a grupos de pop-rock estatal coma Los Enemigos ou Antonia Font e a formacións galegas coma Os Resentidos ou a Psicofonís de Conxo . Porén, o grupo realiza tamén incursións noutros estilos coma o punk (I will turn ), o vals (Tres cantos a Lenin ) ou o tango (Tango do sintasol ).
As letras do grupo caracterízanse pola súa estreita relación coa literatura (Afganistán canto ). Nelas tamén están presentes o pouso xeracional (Galicia es una mierda ) e a vontade de experimentación lírica (Ourizo ).