COOP57 e unha cooperativa de servizos financieiros , creada en Barcelona en 1995, que destina os seus recursos propios a dar prestamos a proxectos de economía social que promovan a ocupación, fomente o cooperativismo, o asociacionismo e a solidaridade en xeral e promovan a sostenibilidade sobre a base de principios éticos e solidarios.
Os recursos propios de COOP57 proceden principalmente de duas fontes:
Aportacións das entidades sociais (cooperativas, asociacións, fundacións e outras entidades da economía social)
Aportacións dos socios e das socias colaboradores (persoas físicas que queren que os seus aforros se xestionen dacordo coas súas inquietudes éticas e sociais)
Os socios/as colaboradores/as poden participar da seguinte maneira:
Depositando os seus aforros a prazo.
Participando nas asambleas, encontros e comisións de traballo
Elixindo un representante ó Consello Rector.
Un proxecto a coñecer, unha alternativa á Banca Convencional.
Para mais información podedes consultar a sua páxina web .
A cita con Coop57 será o Sábado 30 de Xaneiro as 18:00 no noso local. Non faltedes!
O venres 4 , ás 21:00 no Local de Tarabela , Títeres e Charla a favor dos Indios Mapuches . Prezo 4€
Comezaremos a noite cunha charla sobre os mapuches, que irá acompañada de proxeccións de vídeos, e finalizaremos coa obra de títeres “O Indio Lautaro” .
Sinopse: O conquistador Pedro de Valdivia diríxese cara ao interior de Chile para conquistar todo o territorio e covertir ós indios en escravos. Alí atópase con Lautaro, un indio que fará todo o posible para evitar que os seus perdan o que máis aman, a súa terra.
O luns 16 , ás 22:15 no Local de Tarabela , Faladoiro co tema Os Pazos do Deza . Teremos como convidado a César Gomez Buxán .
O martes 17 , ás 21:30 no Local de Tarabela , terceira xornada do ANIRMAU09 adicada á Animación con Técnicas Mixtas .
O sábado 21 , ás 17:30 na Casa da Xuventude de Lalín , 1º Serán de Tarabela .
Un serán é un encontro de música e baile tradicional galego que antigamente se facía nas aldeas ao por o sol. O motivo era reunirse os veciños para tocar, bailar e cantar.
Dende Tarabela convidaremos a grupos de gaiteiros, de baile e canto da zona para tentar darlle vida a un serán . Estades todos convidados!!!
O sábado 14 , ás 21:30 no Local de Tarabela, Conmemoración do 7º Aniversario do Prestige .
Cúmplense 7 anos dun dos sucesos máis tráxicos da Galiza: o afundimento do Prestige . Cremos que ten que ser recordado para que Nunca Máis pase de novo.
No acto inauguraremos unha exposición sobre a catástrofe, proxectaremos a reportaxe Sobrevivir ó Prestige de Cristina Fernández e contaremos coa presenza dunha persoa que nos informará sobre a situación actual do caso Prestige .
As fotografías son de Suso Rivas , tomadas no día de noiteboa do ano da desfeita. 7 imaxes de carrete de 35mm en B/N e positivadas por Juana Mª Arregui Indurain . Acompáñanse do seguinte texto (click para agrandar)
O luns 9 , ás 22:15 no Local de Tarabela , Curso de Primeiros Auxilios .
Alberto Granja (Kg ), falaranos da importancia dos primeiros auxilios, as medidas que se toman inicialmente nun accidente ata que chega a axuda sanitaria, e que resultan fundamentais xa que, aplicados con rapidez e criterio, son determinantes para reducir as consecuencias e en ocasións salvar vidas.
Toda a poboación debería ter uns coñecementos mínimos para saber como afrontar situacións onde está en risco unha vida. Con sorte nunca nos atoparemos nunha situación na que sexa necesario actuar, pero…e se ocorre? entón o mellor é estar preparados para non ser invadidos pola sensación de impotencia de non saber que facer.
Nesta charla sobre primeiros auxilios falarase das técnicas básicas que se dan obrigatoriamente aos escolares en moitos países de Europa. Son consellos básicos sobre que facer e que non facer en determinadas situacións, para as que non hai que ter coñecementos sanitarios, pero que poden marcar a diferenza en tre a vida e a morte.
O luns 9 , ás 22:15 no Local de Tarabela , Curso de 1º Auxilios . Os primeiros auxilios son as medidas que se toman inicialmente nun accidente ata que chega a axuda sanitaria, resultando fundamental que sexan aplicados con rapidez e criterio. Falaremos das técnicas básicas e de como levalas a cabo.
O martes 10 , ás 21:30 no Local de Tarabela , segunda xornada do ANIRMAU09 , adicado á animación en 2D , os coñecidos debuxos animados.
O venres 13 , ás 22:00 no Local de Tarabela , Pedro Brandariz presenta “P.G.U.” , un monólogo cómico no que se narra a vida dun gordo. Cun estilo agresivo e transgresor, Pedro Brandariz conta diversas peripecias da súa vida dende a perspectiva de gordo. Prezo 4€.
O sábado 14 Campionato de Ping-Pong . Se vos queredes apuntar ao primeiro Campionato de Ping Pong de Tarabela , mandádenos un correo a contacto@tarabela.org ou chamade/sms ao teléfono 689715300 . Informarémosvos das bases e do lugar de celebración.
O sábado 14 , ás 16:00 no Local de Tarabela , taller de Stop Motion . Seguindo coa programación do ANIRMAU09 propoñémosvos este taller de animación impartido por Sergio Mella .
O sábado 14 , ás 21:30 no Local de Tarabela , Aniversario do Prestige: Exposición e vídeo . No 7º Aniversario dun dos sucesos máis tráxicos da Galiza celebraremos un acto para lembrarnos do suceso e que nunca máis se repita. Inauguraremos unha exposición fotográfica de Suso Rivas e proxectaremos a reportaxe Sobrevivir ao Prestige de Cristina Fernández . Contaremos cunha persoa que nos informará sobre a situación actual do caso Prestige.
Mañá venres 30 teremos duas actividades en Tarabela , que terán continuidade no sábado. Animádevos.
Ás 22:00 , no Local de Tarabela , teremos unha charla de micoloxía , na que Alberto Granja (Kg) , gran coñecedor deste tema na comarca, nos dará unha pequena explicación sobre o mundo dos cogomelos, cando empezar a recollelos, onde…
Coa chegada do outono non hai mellor escusa que ir buscar uns cogomelos para dar un paseíño, desfrutar do monte e compartir unha recolleita cunha botella de viño. Na charla veremos moitas das especies que o sábado, nas saídas conxuntas, atoparemos polos montes do Deza. Na noite do sábado, na celebración do magosto de Tarabela , cociñarémolos e desfrutaremos do seu sabor e as distintas maneiras de preparalos. Convidámosvos a todos, poderedes aprender a distinguir as suficientes especies para, con seguridade, introducirvos no coñecemento dos cogomelos.
Faremos duas saídas o sábado , unha ás 10:30 e outra ás 16:30 , quedando no Local (un chisco antes se podedes) para dende alí facer camiño á búsqueda de cogomelos.
Tamén mañá venres 30 , dende as 20:00 (poderedes incorporarvos cando queirades) e ata altas horas da madrugada (esperamos estar aínda ás 5:30 e que non nos leve o medo) proxectaranse de forma continuada varios filmes de terror, unha lista de películas sorpresa que non deixará indiferente a ninguén, queda dito. Para os que aguanten ata case o final , e non lles treman demasiado as mans, haberá un chocolate con churros que de seguro se agradecerá.
O lugar da proxeción, para manter o segredo, será unha sorpresa (pero polo vaixo avisamos que vai acontecer todo isto no Museo do Títere -fronte o antigo Manuel Rivero). Contamos con todos para unha noite de medo-medo e algunha risa.
Semana de fotos, medos, cogomelos e magosto en Tarabela :
O martes 27 , ás 22:00 no Local de Tarabela , teremos a segunda xuntanza de fotógrafos, onde planificaremos as rutas da próxima actividade e proxectaremos o documental “Fotógrafo de Guerra” , baseado na vida profesional de James Nachtwey . Tedes máis información aquí: II Xuntanza de Fotógrafos
O venres 30, dende as 20:00 ata as 6:oo , Noite de Terror nunha casa sorpresa de Lalín. Proxectaranse de forma continuada varios filmes de terror que iremos coñecendo durante a semana para ir mantendo o suspense. Haberá chocolate con churros para os que aguantes ata o final.
Para asistir a esta actividade é importante que chamedes/sms 689715300 ou remitades correo a contacto@tarabela.org para poder ter unha idea da xente que seremos.
O venres 30 , ás 22:00 no Local de Tarabela , Charla de Micoloxía .
Chega o outubro e ¿que mellor escusa que ir buscar uns cogomelos para dar un paseiño, desfrutar do monte e compartir unha recolleita cunha botella de bo viño? En Tarabela convocámosvos a unha pequena charla sobre os cogomelos na que veremos moitas das especies que o sábado, nunha saída conxunta, atoparemos polos montes do Deza. Á noite cociñaremos os cogomelos recollidos no centro social e posteriormente irémolos comer ao magosto de Tarabela. Poderás aprender a distinguir unhas poucas especies, as suficientes para, con seguridade, introducirte no coñecemento dos cogomelos. Bon apetit!.
O sábado 31 faremos dúas saídas a buscar cogomelos: unha ás 10:30 da mañá e outra ás 16:30 . O lugar de saída será o Local de Tarabela e se queres participar sen ter asistido á charla do venres chama/sms 689715300 ou remite un correo a contacto@tarabela.org
O sábado 31 , ás 21:30 , Magosto de Tarabela
Esta noite xuntarémonos no Prado de Tarabela se o tempo nos acompaña, se non no Local , para comer castañas acompañadas de bo viño e bailar os catro bailares…
O luns 19 de outubro , ás 22:15 no Local de Tarabela , 1º faladoiro .
Un faladoiro é unha reunión informal, para debater, informarse, compartir, crear ideas e xerar correntes de opinión. Un faladoiro é un instrumento educativo que ensina tolerancia e sentido crítico. Permite aos interesados estreita relacións e enriquecer a súa cultura, aos neófitos aprender dos máis experimentados e coñecer informalmente ás persoas da súa esfera. Os faladoiros serán grabados e extractaranse para tentar facer unha publicación en forma de Caderno que estará a disposición do público de xeito gratuito.
Este primeiro faladoiro terá como tema a debater a Situación Medioambiental da Comarca do Deza . A tal fin, temos convidadas a unha chea de persoas que profesionalmente, ou por devoción, poden aportar ideas e datos a tan interesante tema. Como convidado que dará a súa visión e abrirá o debate teremos con nós a Daniel Manso .
Daniel Manso é axente forestal que traballa actualmente na zona de Chantada. Anteriormente estivo 7 anos destinado no Parque do Xurés. Ten varias publicacións na revista natureza galega, colaboracións fotográficas con distintos medios e artigos na revista Nova Acta Científica Compostelana da Universidade de Santiago con novas citas de especies no Parque do Xurés. Actualmente é veciño da parroquia de Vilatuxe.
Os faladoiros serán gravados e extractaranse para tentar facer unha publicación en forma de Caderno para poñela gratuitamente a dispor do público en xeral. Deste faladoiro sairán algunhas iniciativas a facer nos vindeiros meses, unha relacionada coa fotografía e outra co sendeirismo . Estades todos/as convidados/as a participar e aportar neste debate.